fonto
castelan galego

Historia


Escudo Concello de CospeitoAs orixes de Cospeito están ligadas tanto a datos da época prehistórica como a numerosas testemuñas legadas pola tradición. Según ésta, no emprazamento designado co nome de Veria ou Nabalberde tiveron o seu asentamento poboadores de palafitos ou cidades lacustres, que desapareceron asolagados baixo as augas alá na remota idade. Trátase da lagoa de Cospeito ou Nabalverde. Boán e o pai de Gándara, entre outros, confirmarían posteriormente a existencia baixo as augas desta lagoa de restos de tellas e ladrillos, ferros e outros materiais, dato que confirma a ubicación, en A Lama de Sta. Cristina, dunha poboación lacustre. Entorno a este feito consérvanse aínda entre as xentes do municipio diferentes versións dunha mesma lenda, que ten á Virxe María como protagonista. Como lembranza do asulagamento e testemuña do mesmo, conta a tradición que a Virxe ordeou levantar unha capela na súa honra no lugar próximo de O Monte, onde hoxe se alza o templo de Sta. María de Feira do Monte, na capital do termo. Según contan algúns historiadores, en tempos Íberos e Celtas, o río Támoga , que atravesa o municipio en dirección N-S e que deu o seu nome a unha das parroquias que rega, constituíu un dos ríos sagrados célticos. O Tameóbrigo, ó decir de Murguía, recibiu as libazóns dos seus ribeireños e merecía as ofrendas e as víctimas destos. O padre Sarmiento, por outro lado, fala de Salaniana, mansión do Imperio Romano, situada no itinerario de Braga a Astorga, como correspondente á actual Muimenta.
Na Idade Media, o coto da Pena de Cospeito pertenceu a Ruy López de Aguiar ( O López da Pena ), osado cabaleiro galego, e sonado trobador de producción descoñecida, que chegou a apoderarse do alcázar de Lugo (1461) e ter 30 xinetes armados baixo as súas ordes. As restantes terras do Concello ó longo do período histórico considerado, foron pertenza case por enteiro ós Andrade: só na actual feligresía de Santalla de Rioaveso contaban con máis de sesenta vasaios.
No século XV, durante o levantamento popular dos Irmandiños contra a opresión señorial, as xentes de Cospeito deixaron testemuña da súa participación na loita: A Torre de Támoga, o histórico Castelo de Caldaloba ou Vilaxoán, conservaron pegadas da destrucción dos insurrectos. Nesta última fortaleza resistiron Constanza e Fernán Ares de Saavedra, filla e xenro respectivamente do axustizado Pardo de Cela. Tratábase do último reducto da nobreza galega que opuxo resistencia á uniformadora política de Castela.


As terras do Concello dividíronse  posteriormente en cotos e xurisdiccións, reparto que subsistiu ata a moderna configuración territorial. A fortaleza de A Barreira, que estaba ubicada en Sta. María de Cospeito e presidía o antigo coto de A Pena, a 487 metros de altitude, foi dominio do citado Ruy López de Aguiar. Ostentaba xurisdicción civil e criminal, contaba con 36 vasaios que pagaban luctuosa e varios ferrados de pan de renda, ademáis de contribuir con catro fanegas e media ó Mosteiro das monxas de Lugo. A fortaleza foi un dos máis antigos lugares dos Ribadeneira, e unha das primeiras que se demoleu nesta zona por mandato de Fernando de Acuña, gobernador do reino de Galicia. Ainda se poden ver vestixios da mesma sobre o lugar de emprazamento ( fosos e contrafosos ).
Para seguir relatando a historia do Concello é importante relacionala coa evolución ó longo dos tempos do seu rico patrimonio histórico-artístico:


A casa ou pazo señorial de A Barreira, en Sta. María de Cospeito, a medio quilómetro de distancia de onde se levantaba a fortificación descrita, consta como a máis antiga dos señores deste nome e posuiu, entre preeminencias e regalías, e entre outros dominios e xurisdiccións,  o patronato in solidum do curato de Sta. María de Cospeito e o seu anexo, San Xulián de Sta. Cristina.

 

Pazo


O Castelo de Caldaloba ou Vilaxoán, sito na parroquia de San Martiño de Pino, domina dende unha pequena preminencia o antigo coto de O Mato. Nesta fortaleza Fernán Ares e a súa muller Constanza, filla do decapitado Pardo de Cela, fixéronse fortes contra Diego López de Aro, gobernador daquela do Reino de Galicia e axente dos Reis Católicos. Co fin de sufragar os gastos orixinados polo cerco de Caldaloba, os Reis Católicos, mediante carta data en Córdoba con data 16/08/1484 e dirixida a López de Aro, dispuxeron a venda dos bens de Fernán Ares. En 1646 aparece como propietario do castelo e posesións do mesmo Álvaro Pérez de Viveiro, conde de Fuensaldaña e vizconde de Altamira.
En 1699, afóranse a Esteban de Outeiro, natural do coto de O Mato, en San Martiño de Pino mediante escritura outorgada en Mondoñedo, por tres vidas de reis de España e 40 anos máis. Tamén varios bens do dito coto, con 16 fanegas de monte entorno á fortaleza, mediante o pago de 6 fanegas de centeo e dúas de trigo.


En 1775 os Condes de Fuensaldaña vendían a Gabriel María Montenegro, señor de Caldaloba, as pedras dos restos resultantes de repetidos cercos do castelo para a construcción dun cárcere. Posteriormente, en 1851 aforouse a fortaleza, coa finca que a rodeaba e outras terras, a Luis Vázquez Rúa pola cantidade anual de 320 reais de vellón. En 1858 finalmente o párroco da veciña feligresía de Xoibán, Daniel Vázquez Rúa, adquire a propiedade do castelo e as súas posesións, que cede en virtude de permuta á súa irmá Antonia.


Na actualidade a súa propiedade e os 4 fosos defensivos que o circundan está dividida en 2 partes de titularidade privada.


A medio quilómetro aproximado da torre descrita atópase o pazo señorial de Caldaloba, cunha casa e coto fundada por Rodrigo Díaz Sanjurjo e Montenegro ( 1961 ), e os donos do mesmo nada tiveron que ver coa propiedade do Castelo. O pazo, probablemente construido en dúas épocas, está formado de planta baixa e principal; a fachada de construcción máis antiga loce un escudo de armas dun só cuartel coa M coroada  dos Montenegro, sobor dela, a serpe ( según a lenda, trátase da serpe enfeitizada do castelo, á que Gabriel Antonio Montenegro deu morte coa súa espada). A outra parte do edificio mostra un elegante balcón cuberto con balaustrada de pedra granítica. Adosada ó mesmo atópase unha capela barroca, con arco toral de medio punto, fundada en 1685 e mudada posteriormente ( 1769 ). A capela loce na súa fachada escudo partido, ricamente labrado, coa M coroada dos Montenegro e a lúa en cuarto crecente, así como 5 estrelas dos luaces. Ata non fai moito tempo foron donos proindiviso dos bens e casa de Caldaloba: Juan, Aurora, Sara, Ángeles e Antonio Neira Berbetoros, en calidade de herdeiros de Juan Neira Gayoso, o seu pai fillo á súa vez de Ramón Neira Montenegro e de Ramona Gayoso Ulloa. Actualmente (1977) a casa e as propiedades de Caldaloba foron adquiridas por un particular para a explotación agrícola e gandeira de tan rico lugar, bañado polo regato de Os Reás, que aínda move algúns muiños.


En Cospeito tamén se atopa o Pazo de Sistallo, un dos pazos máis espectaculares da provincia, vello exemplar da arquitectura civil, sito na parroquia de Sistallo. Foi construido polo arquitecto Salero Meizo por encargo de Fernando Verdes de Montenegro. O impresionante escudo da fachada son as armas dos Montenegro, o cal foi ministro do Consello de Indias, secretario de Facenda ( 1740 ), contador maior de rendas, tesoureiro xeral do reino de Valencia, proveedor dos exércitos do reino e fillo do cabaleiro irlandés O ´Shea. Hoxe en día reformáronse os seus xardíns baixo a supervisión do paisaxista Sales Cobelo.


Eráldica:
Algunhas destas figuras e feitos históricos emblemáticos da historia de Cospeito quedan reflexados no escudo municipal, tal e como reza a súa eráldica:
“De ouro, e sobre ondas de azur  e prata, unha cruz floronada de gules, cargada de cinco veneiras de prata; mantelado de gules con dúas torres de ouro. Ó timbre, coroa real cerrada.”
A presenza da cruz floronada de gules (vermello), sobre ouro (amarelo), coas súas cinco veneiras de prata (branco) e as súas ondas de azur (azul) e prata, que son as armas propias dos Ribadeneira está plenamente xustificada, pois este é precisamente, un dos linaxes históricos de maior antigüedade e raigame nesta comarca.


Recórdese, só como exemplo, que foron sucesores dos Aguiar e que, ademáis, levantaron un pazo señorial –o de A Barreira- a medio quilómetro de distancia de onde se levantaba a vella e xa aludida fortaleza do mesmo nome. Ademáis, as mencionadas ondas de azur e prata, presentes na heráldica deste linaxe, serven tamén para aludir á famosa Lagoa de Cospeito, ou Nabalverde, importantísimo accidente físico da xeografía municipal que foi o motivo de todo tipo de lendas e mitos dos que se fixeron eco os máis importantes estudiosos e literatos do galego do pasado. Xa a mediados do século XVI, apuntémolo só como un exemplo, o licenciado Molina escribía na súa “Descripción del Reino de Galicia”- a modo de prefacio a tales relatos lexendarios- que, “de este lago, se cuentan cosas tan extrañas que si no las oviese oído de personas de crédito y de mucha fe, no me ocuparía mucho de escribillas…”
A presenza en mantel, de dúas torres heráldicas de ouro, simbolizan – como parece obvio – os importantes testimonios da arquitectura militar e civil  que existen no concello. Aínda que non poden ignorarse os distintos pazos e casonas señoriais que xalonan  toda a xeografía municipal, sen duda son as xa aludidas fortalezas de  A Barreira e Caldaloba ou Vilaxoán, os dous exemplos históricamente máis representativos.