fonto
castelan galego

LENDAS DA CIDADE ASOLAGADA


Existen varias Lendas sobre a Lagoa de Cospeito, entre as que cabe destacar:


Lenda da Virxe e da Igrexa.


Cóntase que en Cospeito existiu unha vila chamada Veria, da que se di que foi asolagada, pero da que ninguén se acorda. Só os máis vellos di a lenda que recordan que unha Lagoa, á que chamaban Lamas de Goa, de cerca dunha legua de circunferencia, cando en tempos de sequía descendía o seu nivel de auga, podíanse ver no fondo pedras labradas, grandes vigas de madeira e algúns pucheiros e cazolas.


Pois a lenda di que cando Nosa Señora andaba polo mundo chegou a Veria e quedou perplexa de que alí non existise ningún templo nin igrexa. Preguntoulle a unha señora do lugar se había alí algunha igrexa, ó cal ésta lle contestou que alí se adoraban unhas figuras de pau ou pedra traidas doutras  terras polos mouros, que cando viñan se facían grandes festexos e se berraba e brincaba polas ruas, e tódolos habitantes seguían estes costumes, uns por riqueza, outros por vivir ledamente e os máis pobres por non poder oporse ós máis potentes.  Nosa Señora quedou estupefacta e pideu: “ ¡Pois que se funda a cidade que tal fai e consinte! ¡Que as augas do ceo asulaguen casas e hortas e xente, e que nunca máis poidan vir morar cristianos nestas paraxes para que non poidan inzar de maldades!” Tras dicir isto comezou a chover torrencialmente e a cidade quedou sumerxida baixo a auga en pouco tempo e para sempre.


Esta lenda tamén era apuntada por Murguía e Amor Meilán.


Lenda da Virxe.


Conta a Lenda que a Lagoa de Cospeito foi obra da propia Virxe, que chegou á aldea de Valverde en busca de refuxo e alimento, pero ninguén nesa aldea atendeu ás súas peticións, agás unha familia moi pobre que vivía na ladeira do Monte.

Esta familia accedeu ás peticións de alimento da propia Virxe e mataron unha becerra para cear. Ó acabar de cear mandoulles botar os ósos grandes na corte grande e os pequenos na pequena e ó día seguinte mandoulles ir ver as vacas e os becerros, ó que os propietarios da casa non daban creto. Pero ela díxolles que “ Tan certo é que tedes becerros e vacas como que a vila de Valverde foi asolagada polas augas”. Dito isto desapareceu e os donos da casa comprobaron como era certo que había becerros e vacas. 

Fai uns anos aínda se contaba que nas sequías do verán se vían as chemineas dalgunhas casas afundidas e mesmo se oían tocar as campás da igrexa. Na Feira do Monte foi levantada unha ermida na súa honra.


Lenda da Sagrada Familia.


Cóntase como a Sagrada Familia chegou ata a vila de Valverde tras enterarse de que Herodes tiña pensado sacrificar a tódolos nenos nacidos na comarca.

Ninguén ofreceu pousada ós tres peregrinos e ata un zapateiro lles arroxou a súa lezna que se clavou nun dos pés do Neno Xesús, ferida pola que comezou a derramar sangue en tal cantidade que a vila quedou asolagada xunto con tódolos seus habitantes.
Cabería finalmente preguntarse cales son as razóns que explican estas tradicións. A resposta a isto poderíannola dar 2 liñas temáticas:
A transmisión oral de contos e fábulas.
O mundo dos palafitos e poboacións lacustres.