RÍOS
No que respecta ós ríos o Miño centra un dos espazos naturais de máis vida da Galicia interior: A reserva da Biosfera, Terras do Miño, abarca toda a conca alta dende o seu nacemento no Pedregal de Irimia e as fontes de Fonmiñá ata o sur da cidade amurallada.
Pero tamén relevantes cordais montañosos como a Serra do Xistral, e numerosos afluentes ( Parga – Ladra – Támoga ), e os humedais da Terra Chá coa nosa Lagoa de Cospeito á cabeza. Estes espazos ocupan o 40 % da totalidade da provincia de Lugo e conforman a segunda reserva da biosfera en extensión de España.
O curso destes ríos que discorren pola Terra Chá, delatados por praderías, carballeiras e fragas, ríos que no pasado acadaron un gran protagonismo como manifestación importante da nosa cultura ó ser o recuncho de muíños, caneiros, batuxos…
O principal actor desa cultura foi Cospeito, corazón da Terra Chá, sempre testigo fiel do discorrer prácido e tranquilo das augas dos seus ríos: Támoga, Anllo, Guisande Pequeño, innumerables regatos e por suposto, como nos gusta dicir ós galegos, do noso pai Miño.